De virtualidades e voyeurs

 

De certo, somos unha especie verdadeiramente social. E con tendencias á virtualidade; non á que fai de nós xentes de ben e asisadas -que iso sería virtuosidade-, senón a que nos cega co espellismo das ficcións que nos afasta das realidades máis palpables. Será cousa da condición humana o de ocuparse das aparencias e da vida dos demais, que as outras especies animais teñen de abondo con procura-lo seu sustento cotián.

 

James Stewart, na película de Hitchock, entretiña o ocio ó que a súa perna escaiolada o tiña reducido botando olladas indiscretas pola fiestra do seu cuarto. Cando menos, el miraba a vida mesma en todo o seu esplendor e a súa crueza porque o triste é o outro caso que eu coñezo, o da rapaza que pasaba o día traballando trala barra do bar, servindo copas, fregando babas, aturando impertinencias e soñando príncipes azuis. Un malfadado día coñeceu –creu coñecer- a alguén especial nun “chat” en internet e alá ela se foi a Barcelona. Deixou traballo e familia, amigos e seguridade pola aventura de atoparse co seu cabaleiro soñado. Boa fociñada levou cando se decatou de que o seu príncipe ideal non era tan etéreo coma as ondas hertzianas senón que, de igual xeito cós indíxenas do seu país, tamén el suaba coa calor e o bafo fedíalle a allo cada vez que comía churrasco.

 

Porque unha cousa é a realidade que cómpre aceptar e outra ben distinta os soños virtuais nos que tentamos evadirnos das nosas frustracións de cada día e que proxectamos en canto se nos antolla desexable sen nos decatar de que o desexable é o noso soño e non a realidade que nel queda agachada. O malo é que ninguén hai que sexa quen de vivir mergullado nun soño eterno –agás Humphrey Bogart, seica, e os que entran en estado comatoso- e, o peor, que cando un esperta, o desengano multiplícase pola cantidade de fantasías imaxinadas.

 

O espellismo virtual non é patrimonio exclusivo de cibernautas fantasiosos. Calquera cidadán que se asome á fiestra de raios catódicos do seu televisor pódese converter en espectador de realidades inventadas co único obxecto de aparvalo.

 

Velaí o “gran hermano”, “the big brother” orwelliano, a consagración das cámaras axexadoras do tráfico que se alzan nos catro puntos cardinais de calquera vila. A vida mesma, din os defensores do monstro; a grande liturxia da morbosidade, proclaman os seus detractores. E, mentres, o enxendro devora miradas, acapara conversas, imponse a transcendentais partidos de fútbol e levanta paixóns.

 

Home, eu penso que hai que ser ben exhibicionista para prestarse a da-lo espectáculo da vida propia diante dun auditorio de millóns de “voyeurs”. Certo é que en maior ou menor medida, todos nos o somos. Exhibicionistas e voyeurs, que unha é a cara e outra a cruz da mesma moeda e así como non se da o primeiro sen o segundo, non é concebible o último sen o primeiro. Exhibicionistas das nosas vidas, fazañas e patrañas. Exhibicionistas e voyeurs; das poses dos demais e dos nosos propios xestos. Tanto o político que finxe o que non é ante o auditorio pasmado coma o cura que oficia a súa piedade ante os fieis ou o máis inxenuo dos obreiros que ensaia xestos no espello cada mañá antes de afeitarse para ir cara ó traballo. Todos acabamos por representar algo diante dos outros ou ante nós mesmos. E quen estea limpo de finximentos, tire a primeira pedra.

 

Claro que, nisto de tirar pedras hai que andarse con ollo que, ó cabo, é sempre o público o que apedrea e non se ten noticia de comediante ningún ó que, dende o seu escenario, lle dera por lapidar ó seu auditorio. Aínda que, se ben se mira, máis malicia ten o mirón que o que se deixa ver xa que é aquel o que interpreta xestos e ademáns segundo o seu propio modo de ve-las cousas e non de acordo co xeito que lle quere da-lo histrión. Pero non imos explorar agora tales fonduras.

 

¿O segredo do éxito dos programas exhibicio-voyeuristas? O mecanismo de proxección que tan asisadamente intuira Freud cando se asomou ás fonduras da alma humana. Non é o morbo de esculca-las vidas alleas o que pega as miradas dos espectadores á pantalla do televisor senón o suspense de plantexarnos a actuación allea nun "como si": o de situarmonos nós no lugar dos exhibicionistas ou o de disfrazalos coas nosas propias emocións e miserias.

 

Nunha palabra: nós somos os exhibicionistas e os voyeurs, os xuices que desbotan a quen se desvía do noso modelo e as víctimas que sufren o rigor de se-lo seu propio xuiz.

 

É dicir, non temos remedio.

 

 

 

Ramiro J. Alvarez

Psicólgo


Lugo, 24 de Mayo de 2000